Óso sutural
Óso sutural | ||
---|---|---|
Cranio con ósos suturais ou wormianos comparado cun cranio normal. | ||
Latín | Os suturale TA: A02.1.00.043 | |
Gray | tema #37 153 |
Os ósos suturais ou ósos wormianos[1] son uns pequenos ósos supernumerarios que en ocasións existen entre os ósos do cranio que se describen normalmente. A osificación, ademais, de nos centros habituais de osificación, pode producirse tamén noutros lugares, dando lugar a ósos illados e irregulares. Estas osificacións non son o máis común, pero tampouco son moi raras.[2] Isto ocorre no cranio con maior frecuencia na sutura lambdoide. Nas momias peruanas da época Inca os ósos wormianos nesa posición eran bastante frecuentes e grandes, polo que se lles chamou "ósos incas".[3] Tamén adoitan aparecer nas suturas saxital e coronal ou nas fontanelas, especialmente na posterior. Un deles, é o osiño do pterio, que aparece ás veces entre o ángulo esfenoidal do óso parietal e a á maior do óso esfenoide.[4] Tenden a estar dispostos de forma máis ou menos simétrica nos dous lados do cranio, e varían de tamaño. O seu número está xeralmente limitado a dous ou tres, pero atopáronse máis dun cento no cranio dun adulto hidrocefálico.
Os ósos suturais ou wormianos son unha marca de certas enfermidades e importantes para a diagnose da enfermidade dos ósos fráxiles osteoxénese imperfecta.[5] Ademais, tamén se poden atopar ás veces ósos wormianos nas seguintes doenzas: picnodisostose, raquitismo, síndrome de Menke, diostose cleidocranial, hipoparatiroidismo e hipofosfatasia, síndrome otopalatodixital, acro-osteólise primaria, e síndrome de Down.
Historia
[editar | editar a fonte]Estes ósos chámanse así polo profesor de Anatomía danés Olaus Wormius (1588–1654), que os describiu en 1611. De todos modos, non é exacto atribuír o descubrimento a Worm, xa que moito antes Gonthier d'Andernach, médico de Francisco I de Francia e un dos mestres de Andrés Vesalio, dera unha boa descrición destes ósos, coñecidos desde a antigüidade.
Os ósos wormianos ocupaban un lugar importante na farmacopea dos médicos gregos antigos, que os empregaban contra as afeccións cerebrais, a epilepsia etc.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Saladin, Kenneth (August 2006). Anatomy & Physiology: The Unity of Form & Function (4th ed.). McGraw-Hill. ISBN 0-07-331608-3.
- ↑ Gray, Henry; Warren Harmon Lewis (1918). Anatomy of the Human Body. Lea & Febiger.
- ↑ Parente, K; Mercado-Deane, MG; Brummund, T (2001). "Radiological Case of the Month". Archives of pediatrics & adolescent medicine 155 (6): 731–2. PMID 11386967. doi:10.1001/archpedi.155.6.731. Consultado o 2008-11-02.
- ↑ Dr. Akram Abood Jaffar. "Sutural bones". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2009. Consultado o 15 de febreiro de 2015.
- ↑ Glorieux FH, "Osteogenesis Imperfecta," Best Practice & Research Clinical Rheumatology. 22:1, pp. 85-100. 2008